A desaparición da patria

Comunicación de Xavier Queipo._

Partindo dun texto de Pier Paolo Pasolini nos seus Escritos Corsarios (Positivas) e da experiencia propia como expatriado de longa duración, Queipo presenta unha serie de paradoxos da sociedade actual en Europa, onde o reverdecer dos nacionalismos supremacistas e dos populismos máis básicos entra en conflito coas características máis sobranceiras das sociedades occidentais: o gregarismo, o mimetismo e a aculturación. Como corolario fai unha pregunta ao auditorio: quen estaría disposto a morrer pola Patria, alistarse nun exército e defender coas armas a autonomía ou a independencia de Galiza? O acto está pensado como participativo. Queipo pénsao como unha introdución temática das contradicións observadas nas súas estadías en varios países de Europa mais que como unha palestra onde presentar unha teoría ou intentar extraer unhas conclusións. Trátase pois dunha oportunidade para o diálogo e non para o proselitismo ideolóxico.

Xavier Queipo. Nado en Compostela, dende hai unha morea de anos vive e traballa en Bruxelas. Escritor cunha longa traxectoria como narrador, poeta, articulista e conferenciante. Colaborou no portal web Vieiros, na Revista das Letras e no semanario A Nosa Terra. Na actualidade colabora na revista Grial e no semanario Sermos Galiza. Mantivo unha columna de opinión semanal no programa da Radio Galega, Diario Cultural entre setembro 2005 e setembro 2007. Premio da asociación de Criticos de España en 1991 por Ártico. En 2011 gañou o Premio Xerais coa novela Extramunde. En 2012 obtivo o Premio X. M. Álvarez Blázquez ao escritor galego máis destacado de 2011. Premio Nacional de Tradución (compartido, 2014) pola tradución de Ulysses, de James Joyce ao galego. En 2015 gañou o Premio Eduardo Blanco Amor coa novela Os Kowa. Membro do Dichterscollectief van Brussel dende 2007.