Árbores Xenealóxicas Xeneticamente Modificadas

Colaxes de Cé Tomé._

Mutante é aquilo sometido a una mutación. Mutar, pola súa banda, é mudar, modificar ou alterar algo. O uso máis común do concepto de mutante está asociado aos organismos que mudan por mor dun cambio na súa estrutura ou na súa composición. Un mutante, porén, é un ser que experimentou unha modificación nos seus xenes ou que descende dun organismo que sufriu estes cambios. Os mutantes, como resultado da alteración xenética, presentan características diferentes ás que mostran os demais individuos. Todos somos dalgún xeito mutantes, por axentes externos como a radiación, un produto químico ou a combinación de xenes producida pola replicación do material xenético dos nosos proxenitores. A mutación é, pois, consubstancial á reprodución e, por tanto, ao lento proceso evolutivo –nin sempre unidireccional- da nosa especie. Colaxe manufacturada sobre fotografías de época.

Nado en Galicia, actualmente reside en Bruxelas (Bélxica), Cé Tomé é DJ e produtor musical dende 1982, actividade que ten desenvolvido en diversos países europeos baixo diferentes pseudónimos, como Doc Manhattan ou Misterchoco. Fundador do selo RíoLagares, Tomé comeza a compatibilizar en 1986 a música co deseño gráfico, a colaxe e a fotografía. Neste momento é socio do estudo fotográfico belga Twin pics e do colectivo Latente de Vigo. A partires de 2006 comeza a expor, quer de xeito individual, quer colectivo, en cidades como Barcelona, Santander, Bruxelas, Vigo, etc. Amais das súas múltiples colaboracións gráficas para Edicións Xerais, A Nosa Terra, Editorial Galaxia, Le Soir, etc., ten publicado o libro de fotografías Sealed (Editorial Teimas, 2009) e o libro de colaxes Tocar Madeira/Knock on Wood (Editorial Teimas, 2015).