Por Inma Gil Rosendo e Begoña González Rei._
Os galegos temos moita experiencia na emigración. Tradicionalmente artellamos as nosas relacións a través de asociacións físicas que acabaron constituíndo os Centros Galegos. Hoxe en día a realidade da diáspora é radicalmente diferente e as maneiras de relacionarnos entre nós tamén cambiaron. É aquí onde xorden as redes sociais como punto de encontro. Londres é un laboratorio deste novo xeito de conectar as novas xeracións de emigrantes. As iniciativas en Facebook do grupo dos Galegos morriñentos en Londres e de Galego en Londres -que tamén está en Twitter e Instagram-, son as dúas experiencias máis relevantes dos últimos dez anos e cumpren un papel clave na cohesión destas novas comunidades. Delas xurdiron novas iniciativas sociais, culturais e artísticas que hoxe teñen unha entidade propia na cidade. A última delas, o ilusionante nacemento de Rega-UK (Rede Galega en UK), unha nova asociación para a promoción da lingua e cultura galega no Reino Unido. Inma Gil Rosendo e Begoña González Rei exploran as oportunidades e os desafíos que supón xestionar esta maneira de crear comunidades nunha era dixital, multimedia e en constante cambio.
Begoña González Rei é profesora de Lingua Galega no ensino secundario. Desde o 2015 imparte clases de galego no Instituto Español Cañada Blanch de Londres, onde ten máis de 50 alumnos na ESO e outros 30 en Primaria. Ademais, é responsable do blog Fala Londres e das redes sociais de Galego en Londres, que ten xa arredor de 7.300 seguidores no Facebook e de 1.500 no Twitter. Estes espazos visibilizan os encontros e proxectos que realiza no ámbito educativo, divulgan a actividade profesional, cultural e artística realizada polos galegos de Londres e difunden información de interese para a comunidade galega en UK.
Inma Gil Rosendo é xornalista multimedia para BBC News Mundo e vive en Reino Unido dende 1999. En maio de 2008 creou en Facebook o grupo Galegos Morriñentos en Londres, que vén de celebrar o seu décimo aniversario. Con máis de 2.700 membros, este grupo, administrado por varias persoas, é hoxe un punto de referencia para a nova xeración de emigrantes galegos na capital británica. Inma tamén liderou varias iniciativas a prol da lingua e a cultura galega en Londres, como o manifesto interactivo O galego é útil ou máis recentemente o playgroup Troula, para familias galegofalantes. Dende hai 7 anos tamén é nai.
Pingback: A conferencia nas xornadas ONDA, xa online – Fala Londres