embaixada.gal: o voceiro da emigración galega no século XXI

Iniciativa transnacional na procura dun novo asociacionismo._

Manifesto por unha embaixada galega

“Cansos xa de percorrer camiños vellos e fracasados, temos arrenegado de todos eles; pero non queremos sinalar un camino determinado. A nosa ruta, nos primeiros pasos, quere tan só coñecer por onde non debemos ir: tódolos outros camiños poden ser nosos.”
Así comeza o manifesto Máis alá (1922), do vangardista Manuel Antonio e así queremos abrir a fiestra ao vento mareiro que nos empurra, como nos impulsaron sempre as xeracións de vangardistas que inspiran os vieiros da nosa historia. E dicimos “a nosa historia”, porque é desde nós e para nós, galegos e galegas do século XXI, e para o mundo enteiro, que creamos esta plataforma onde nos queremos ver representados e representadas como parte fundamental que somos da identidade galega, desde a lonxanía xeográfica que impón o trasfondo emigratorio.
Somos galegas e galegos, emigrados (ou non), unidos polo compromiso coa nosa realidade, de moi diversas orixes e mestizaxes, sendo músicos, informáticos, escritoras, xubilados, ou sinxelamente traballadores nunha realidade onde goberna a precariedade e a incerteza. Pois a galeguidade é o mellor xeito que temos e sabemos estar neste mundo globalizado e desde ela, tecer coma redeiras afanadas na amorosa tarefa de coser todos os nós que nos unen con outros pobos e con outros humanos e outras paisaxes.
“Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos cos nosos pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada, porque en cada relanzo do camiño agárdanos unha voz que nos berra: Máis alá!”
Facemos un chamamento a todas aquelas activistas de todos os eidos para unha unión arredor das novas tecnoloxías, que son ferramentas que nos achegan á nosa terra e nos interconectan como nunca antes sucedera, e da recuperación do poderoso espírito de tantas e tantos emigrantes, construtores de sociedades mutualistas, financiadores de escolas e agrupacións culturais, impulsores da edición de literatura e das artes galegas, contra a desmemoria, impulsores dun país a cocerse. Embaixadores, en definitiva, dun mundo mellor. Alegría e Liberdade!
Sede benvidas e benvidos á embaixada.gal

embaixada.gal. Dende Galiza, Brais (coñecedor do mundo e das súas necesidades e colaborador do grupo Ialma), Lucio (organizador de obradoiros e ensinante) e Jorge (emigrante retornado de Alemaña a Almería, experto en informática e deseño gráfico); dende Bélxica, Marisol (filla de emigrantes fundadores de centros galegos e integrante do grupo Ialma); dende Alemaña Eva e Martín (fillos de emigrantes galegos fundadores e presidentes de entidades galegas) e Alexandra (dirixente de sociedades galegas en Suiza e Alemaña e membro da Comisión Delegada de Emigracion da Xunta de Galicia por Europa no seu día, ao igual que Martín).

0 Comments

Deixa unha resposta