Formas de volver á casa

Palestra de Helena Miguélez-Carballeira._

Malia a ser un dos símbolos centrais das poéticas sobre a nosa identidade cultural, a casa tamén se pode pensar como un dos “obxectos” máis maltratados da modernidade post-rural galega. Nesta palestra exploraranse as diversas manifestacións deste maltrato, cifrables na presenza da casa tradicional galega nos discursos paisaxísticos contemporáneos como ruína (casa abandonada), como artefacto turístico (casa rural) ou como patrimonio irreclamábel (feísmo). A partir destas consideracións, abordaranse os diversos imaxinarios sobre o retorno á casa nalgunhas poéticas recentes (Luz Pichel, Olalla Cocinha) como formas de restauración.

Helena Miguélez-Carballeira é profesora titular de Estudos Hispánicos na Universidade de Bangor (Cymru) e directora do Centro de Estudos Galegos en Gales. É autora do libro Galiza, povo sentimental? Género, política e cultura no imaginário nacional Galego (Através, 2014), que recibiu o premio ao mellor libro de ensaio 2015 pola Asociación de Escritorxs en Lingua Galega. Editou o volume A Companion to Galician Culture (Tamesis, 2014).

0 Comments

Deixa unha resposta