O Observatorio da Nova Diáspora botou a andar o 20 de xullo de 2018._
Nace ONDA
Onde sentir a voz da emigración? Nas propias voces dos e das emigrantes ou na confusión de discursos que sobre a emigración escoitamos? Na academia, na administración, nos media, na rúa, no imaxinario galego, emigrante significa algo… Mais que? Quen é?
Adoita colocarse a emigración no cerne dese quen galego. Galiza, como idea, armouse no século XIX nos símbolos de ida e volta que unha idea emigrante forxou: dende o himno a toda unha construción ontolóxica que continúa a ramificarse na actualidade. Dende aquela diáspora que no período caciquil, dacabalo entre os dous últimos séculos do pasado milenio, fendeu a demografía desta terra para sempre, a disección do fenómeno migratorio tamén se escindiu en dúas correntes: unha visión pesimista e esgazadora, para a que a emigración é unha consecuencia do subdesenvolvemento, unha mágoa para o país, o migrante e a súa familia; unha perda que só cabe chorar. E outra que ve a emigración como un fenómeno complexo, asimilable ao acontecido noutras partes do planeta, non só consecuencia do subdesenvolvemento, mais tamén da existencia de oportunidades e redes, na que os individuos e mais as súas decisións xogan un papel activo, e que ten consecuencias diversas, non sempre negativas.
A primeira opción deixounos un saudosismo morriñento, mesmo sumiso e resignado, até o limite de querer xustificar as súas causas por medio de esoterismos etnolóxicos, como se a emigración fose inherente ao ‘carácter’ supostamente galego. E aínda hoxe perdura, mesmo dende posicións ideolóxicas opostas, esa visión monolítica que mira a emigración de lonxe como un non-lugar, e só lle outorga o horizonte do regreso a unha arcadia feliz que non existe ou esmorece nas cunetas do Eixo Atlántico. Noutra frecuencia de onda, tamén sempre houbo entre nós unha visión crítica que incidiu na organización da propiedade e os medios de produción como causa primordial da emigración, e que tampouco ignorou a migración como negocio de determinados intereses comerciais ou mesmo como sistema de exclusión social que expulsa á xente rebelde (adoito a máis consciente e preparada) que non encaixa ou desafía o status quo.
Mais aquela diáspora primeira deixou a súa pegada indelébel. E logo, en refachos igualmente marcantes para o país, sucedéronse exilios e novas vagas migratorias aparelladas a cadansúa crise, até a actual, a de agora, á que algúns neste inicio do novo milenio denominan xa de nova diáspora, como se -mutatis mutandis- a longa sombra emigrante tivese carta de natureza eterna entre nós, para a perpetuación ou exterminio da nosa realidade social.
Na nova diáspora galega pode haber persistencias ou restos das migracións clásicas, mais hai sen dúbida novos fenómenos diferenciadores que son rexistrábeis xa dende finais do século pasado. En primeiro lugar a presente vaga é multipolar, se ben se pode focalizar en Europa Occidental (polas vantaxes que oferece o espazo Schengen, antes inexistente). En segundo lugar, os medios de comunicación actuais, as súas aplicacións, globalización e rapidez, permeten un contacto case permanente e en tempo real coa “casa”, entendida como a familia e relacións que se deixan en orixe, e posibilitan asemade ferramentas de información e organización comunitaria dunha inmediatez antes impensábel.
É por iso que resulta incríbel que a voz da nova diáspora permaneza muda no debate da nova realidade galega. Nas circunstancias actuais, é imprescindíbel a súa contribución a un discurso sobre a emigración que se formula dende diversos ámbitos: a renacenza neoliberal recupera vellos argumentos, reducindo as persoas migrantes a materiais consumíbeis a expensas da voracidade e caprichos do incuestionábel mercado laboral: é a nova mobilidade, que abranxe dende a precariedade á fuga de talento; dende a administración contémplanse as métricas e estatísticas, deséñanse retornos de axencia de viaxes e celébranse banquetes regados de bágoas: política asistencial e beneficencia; nos medios de comunicación populares enmárcase a foto exótica e celébranse os casos de triunfo emprendedor e o mito do inefábel galego presente en canto recanto do mundo hai; a academia segue inzándose de historias e microhistorias nun pozo inesgotábel e auto-referencial que semella afondar aínda máis na incrustación do estigma emigrante como algo inevitábel.
Neste estado de cousas non se pode aceptar migrante como cidadán de segunda, nin xustificar a súa dificultade para votar ou ter influencia, para viaxar ou arraigarse, para a construción do futuro. Non podemos lembrarnos da emigración só cando xorden problemas coas facendas internacionais ou as divisas ou o realiñamento de fronteiras, cando as cousas andan mal en Venezuela ou Arxentina, cando Europa non funciona, cando hai Brexit. Temos que observar e aprender o que eles pensan, fan e din. Queremos saber das redes que tecen, de como se organizan, das artes que practican, da visión das xeracións fillas da emigración, de como reflexionan e formulan a súa experiencia migrante, da intermitencia da xente que vive entre aquí e acolá. Dela ten que nacer o discurso da nova diáspora.
Na nosa realidade global e post-industrial, onde se dilúen decote os sinais de identidade que herdamos das vellas ciencias sociais, é claro que as motivacións das persoas que optan, forzadas ou non, por abandonar o seu territorio natal, teñen tamén que mostrar a pluralidade indefinida dos nosos tempos. A nosa xente que vive fóra agora non pode ter unha única faciana, nin responder a un único estereotipo, nin encaixar noutro discurso que non sexa o seu propio. ONDA nace para escoitar as voces e observar os feitos que poden darlle forma e realidade a ese discurso necesario.