Un espazo de exhibición do cine galego no Reino Unido._
O Galician Film Forum nace de maneira espontánea no 2015 en Londres, da man dun grupo de expatriados galegos que identificaron como unha necesidade o poder ver cine galego de forma legal en Inglaterra. Dende a súa creación o GFF adquire un compromiso identitario co fomento da cultura galega que se dá por varias vías. O GFF apoia a lingua galega, facendo un labor de normalización ao empregala nos eventos e nas súas comunicacións. Ademáis ten un valor transnacional, xa que tanto os eventos como as proxeccións se fan de forma bilingüe en galego e inglés, polo que o GFF chega así aos non galego falantes. O GFF promove a creación galega, entendéndoa como a producción que se fai dentro e fóra das nosas fronteiras, e especialmente apoia aos creadores que traballan dende a diáspora. O Galician Film Forum amplía e anova a chamada Galiza exterior, sendo unha ponte cultural entre Galicia e o resto do mundo, convertíndose nunha expresión transcultural e transnacional na diáspora. Ao longo dos seus tres anos de vida o Galician Film Forum organizou oito eventos en Londres e colaborou con outras entidades do Reino Unido como o festival Iberodocs en Escocia, e coa Universidade de Oxford. Fíxose así un oco no panorama cultural dos galegos en Londres e no Reino Unido, e espera seguir medrando e chegando dunha forma máis extensa a outras comunidades.
Adriana Páramo. Nada en Vigo en 1985. Licénciase en comunicación audiovisual pola USC e gradúase do master de cine da London Film School. Como directora ten dúas curtas premiadas internacionalmente, e cinco anos de experiencia como xefa de producción en vídeos branding e corporativos. No 2015 funda o Galician Film Forum baixo a idea de crear comunidade. Actualmente fai un doutorado na Royal Holloway, en documental e procesos creativos.
Laura Rodríguez Ares. Nada en Galicia. Estuda Xornalismo en Salamanca especializándose en Economía. Traballa na Axencia EFE en Madrid e no 2010 empeza no Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, en Santiago. Compaxina isto coa creación do fanzine local Humanoide. No 2012 comeza unha nova aventura en Londres, adicándose ao ensino do Español como Lingua Estranxeira. Adquire unha bolsa do Instituto Cervantes e traballa como asistente en colexios. Nesta época entra a formar parte do Galician Film Forum. No 2016 leva un programa educativo a un campo de refuxiados en Katsikas, Grecia. Actualmente traballa en Londres como mestra de Linguas Modernas en Secundaria.
Xabier Mera. Nado en Compostela no 1977. Graduado en Filoloxía Galega pola USC, formouse en teatro e música. Aínda que tamén creador e facilitador de proxectos culturais, esencialemente é músico, tocando e compoñendo dende hai máis dunha década. En Londres funda no 2015 o Galician Film Forum pola necesidade de promover iniciativas culturais. Actualmente reside en Galicia e é membro da directiva da asociación Músicas ao Vivo.