Se fose fácil, faríao outro

Libro de Alejandra Plaza sobre a emigración a Europa no século XXI._

Se fose fácil, faríao outro é froito dun relatorio sobre a emigración española do século XXI presentada no Instituto Cervantes de Frankfurt, Alemaña, ante 300 persoas, e do estudo e as vivencias que 22 anos de implicación activa na diáspora dan para compartir e mostrar. O relatorio Unha nova forma de emigrar, foi levado ás escolas e universidades alemás e máis tarde ás universidades de Xapón e Zamora. Tras o interese suscitado e a necesidade de transmitir o labor calado e abnegado de miles de emigrantes que nos foron abrindo as portas de Europa e do mundo co esforzo, a capacidade de sacrificio e a entrega ao traballo, nace este libro.
A emigración é tan ampla como emigrantes dispersos polo mundo. Por iso é moi difícil recoller cada unha destas historias. Este traballo achegaravos á diáspora máis actual, coñeceredes os diferentes perfís do emigrante, asombrarédesvos coas diferenzas entre a diáspora moderna e a dos anos 60-70, coñeceredes de primeira man historias persoais, incluída a da autora, as estatísticas, a importancia do asociacionismo no exterior, o proceso de integración, as consecuencias de vivir entre dous mundos ou do retorno, como se vive un Nadal fóra de casa, como crecen os pobos no verán, a importancia de aprender o idioma do país receptor, un punto de vista diferente a pé de rúa ou o sentimento tan arraigado no emigrante como é a soidade.

Alejandra Plaza. Escritora e observadora incansable do mundo, é oriúnda de Cabana de Bergantiños, un pequeno e acolledor recuncho bañado polas frías augas do Atlántico galego situado na Costa da Morte. Sensible e práctica, destra coa palabra e a visión, esta emprendedora e forxadora de oportunidades galega-suiza-alemá, válese da cohesión como estratexia e da diplomacia como talento. No seu sentido de país reside a súa riqueza profesional e persoal e, na prosperidade e benestar das súas xentes está o seu obxectivo. Viaxeira incansable e mariscadora de recordos e historias da emigración española desde o ano 1997 pretende plasmar neste libro parte da experiencia vivida en primeira persoa e compartida con tantos emigrantes a través dos anos e demostrar que… se fose fácil, faríao outro.