María Alonso presenta o seu libro en conversa con Roberto Abuín._
A intervención estará baseada en Transmigrantes, fillas da precariedade (Axóuxere, 2017), un ensaio que explora os condicionantes e consecuencias da nova diáspora galega. A bidireccionalidade dos fluxos migratorios das últimas décadas dentro e fóra das fronteiras europeas afecta tamén á comunidade galega, propiciando a reinterpretación do paradigma arredor da nosa diáspora clásica. A realidade desta nova xeración emigrante diferénciase en varios aspectos doutras vivencias anteriores. Polo tanto é preciso adoptar unha perspectiva crítica alternativa á hora de achegarse a esta nova práctica errante co fin de cuestionar a idealización da intra-migración europea que se ofrece, en ocasións, dende medios de comunicación. O meu interese na nova diáspora galega céntrase na experiencia subalterna desta nova xeración de emigrantes que non atopa alternativas laborais no país de orixe e decide facer as maletas. Trátase esta dunha emigración fomentada por parte dos gobernos dentro dunha das chamadas ‘zonas de confort’ e que responde a unha serie de intereses de mercado que propician a visión do suxeito migrante como capital humano ao tempo que xustifica o peche de fronteiras da coñecida como Fortaleza Europea. Mais este novo fenómeno migratorio xurdido a partires da mal chamada crise económica de principios do século XXI non soamente afecta a xente nova e, na maioría dos casos, con cualificacións académicas; tamén atangue a quen chegou a Galicia dende alén das súas fronteiras durante a época do boom inmobiliario e aos retornados, é dicir, a emigrantes que decidiron volver á terra aproveitando a conxuntural bonanza económica de finais do século pasado. A emigración actual ten moitas caras e historias, mostra da natureza heteroxénea deste colectivo, e é por isto que é preciso abrir xa un debate arredor deste novo fenómeno migratorio sen esperar a ter máis distancia histórica para dar voz a unha xeración que padece de anacronismo.
María Alonso. Licenciada en Filoloxía Inglesa e Hispánica, doutoreime pola Universidade de Vigo cunha tese sobre estudos da diáspora e representacións culturais. Son autora dos ensaios Diasporic Marvellous Realism: History, Identity and Memory in Caribbean Fiction (Brill, 2015), Transmigrantes, fillas da precariedade (Axóuxere, 2017) e o vindeiro ano publicarei un novo monográfico sobre literaturas de fronteira coa editorial Pliegos. Vivo na cidade de Edimburgo, alternando traballos dentro e fóra do eido académico coa escrita de ficción en lingua galega e inglesa. A miña primeira novela, Despois do cataclismo (Urco), foi publicada no 2015 e a segunda sairá publicada no 2019.
Roberto Abuín. Estudou Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. Posteriormente, realizou unha especialización en Antropoloxía na Universidade da Terra (Oaxaca, México), a carón do teórico e activista Gustavo Esteva, afondando na obra de Iván Illich e no estudo de ontoloxías indíxenas. Foi cofundador e editor literario da editora independente mexicana Almadía e na actualidade é un dos responsábeis de Axóuxere Editora.