Vellas e novas migracións: continuidades e crebas

Conferencia de Xosé Manuel Núñez Seixas._

Galicia foi terra de migracións, sazonais e permanentes, dende a Idade Moderna; entre 1880 e 1930, de migracións masivas cara a América; entre 1946 e 1970, outravolta cara a América, e entre finais da década de 1950 e comezos da de 1970, tamén cara a Europa central e occidental. Cando España deveu en receptora neta de inmigrantes, a inmigración en Galicia presentaba un perfil ben diferente, e seguía a rexistrarse emigración, quer seguindo vellas redes (cara aos EUA), quer abrindo novas (Canarias) ou como mobilidade de licenciados. A Grande Depresión de 2007-08 incrementou a derradeira tendencia, dando lugar a novas saídas de persoas novas e cualificadas cara á Europa occidental. Na esfera pública todas esas migracións se presentan baixo un patrón clásico, de carimbo rosaliano, forxado nos anos das migracións masivas a América. Porén, que diferenzas hai entre as novas e as vellas migracións? Até que ponto as diásporas doutrora e de hoxe en día teñen pontos en común?

Xosé M. Núñez Seixas é catedrático de Historia Contemporánea da USC, e foino durante cinco anos (2012-17) na LMU de Múnich. Integrante do Arquivo da Emigración Galega (Consello da Cultura Galega).