Washed away

Pinturas de Dolores Sánchez Calvo._

No seu traballo artístico dos últimos anos, a artista Dolores Sanchez Calvo explora as nocións de alienación, de crise ontolóxica e a dislocación do ámbito emocional coas dimensións físicas e intelectuais. O seu traballo pon en cuestión a estética desinfectada e anódina do trauma, do loito e da pena mentres trata de infundir dignidade e empatía nas súas figuras. O espectador atópase coa representación de individuos fóra dun contexto identificable, imaxes de persoas in extremis nas que pode proxectar as súas propias ansiedades e medos. Estas figuras deixan de ser individuos e convértense en modelos universais da condición humana, suxiren unha narrativa desacougante, de primeiras, pero esta interpretación pode ser contraditoria. A artista escapa da presente norma que deixa de lado todo aquilo que non se axeita a unha percepción positiva da vida. A serie Washed away representa xente pillada en momentos de emocións brutais, no medio dunha intensa confusión e desorde, a miúdo despois de desacougos políticos ou eventos catastróficos que só poden ser imaxinados.

Dolores Sanchez Calvo naceu en Santiago de Compostela. A súa formación inicial en lingüística levaouna ao desenvolvemento dunha sensibilidade anatómica cara á comunicación. Trasladouse a Holanda onde estudou multimedia e fotografía, e logo tivo residencia en Nova York. Desde o seu traslado a Londres presentou frecuentes exposicións internacionais e no RU: Creekside Open 2011, seleccionada por Phyllida Barlow, Premios Focus-Abengoa, Seville (2010) e Quatrox Quatro, Vernice Art Fair, Forli Italy (2008). Foi finalista do National Portrait Gallery’s 2007 Photographic Portrait Competition e gañadora do Westminster Arts Photographic Award (2008). A súa obra figura nas coleccións de Brompton Hospital, Westminster Arts, Vernice Art Fair e na de diversos coleccionistas en RU, Holanda e España.