Vídeos de Xelís de Toro.
_
Xelís de Toro en travesía
Da escrita á performance
Presentamos unha selección de vídeos de performances de variado tipo realizadas maiormente no Reino Unido. Moitas delas teñen un compoñente poético, escrito ou falado, ou mostran a presenza do libro como obxeto, indicando que o encontro coa performance non é unha fuxida da literatura. Algunhas performances presentáronse como pezas individuais: As we go along (A medida que imos indo); outras son tamén performances individuais pero co gallo dunha exposición: Where do you draw the line? (Onde marcas o límite?), para a exposición Future dreaming the Guyan Porter e incluída no proxecto de Boca2mouth ou Le roi et le buffon para unha instalación en L’Unique, Nantes, Francia, do artista Jim Sanders. Noutras performances colabora con outros artistas: I can read you like a book (Pódoche ler como se foses un libro); con Ed Briggs en Laboratoro, The Blind Reader (O lector cego); ou cun grupo de artistas en boca2mouth: Man Made.
Xelís de Toro é un escritor galego residente en Brighton no Reino Unido. En Galicia o seu traballo centrouse fundamentalmente na escrita acadando certo éxito con libros como Seis cordas e un corazón (seudónimo Roque Morteiro) ou Non hai misericordia, aínda que a súa participación no grupo de acción poética Favorita, a banda Os Quinindiola, e o seu libro Terminal xa apuntaban o seu interese pola performance. A súa travesía cara ao Reino Unido foi acompañada dun desprazamento cara a presenza física, o movemento e a improvisación. Algunhas claves para entender o seu traballo son: 1. A arte como esforzo físico e mental de busca; 2. O corpo-presenza como punto de encontro e contacto co que nos rodea e maneira de estar no mundo; 3. A improvisación como ferramenta para fuxir da linguaxe, da narración e das estructuras mentais en busca aloucada da creación, invención, autocoñecemento e descubrimento 4. O concepto do extranxeiro, forasteiro, como metáfora do humano no mundo.