De Vigo a Glasgow

Xosé Gael en concerto._

Meu nome é Xose Gael e a miña vida musical comezou en Vigo onde nacín e me criei. Emigrei a Escocia fai 12 anos na procura de novas experiencias e influencias musicais. Licencieime en música no 2014 na Universidade de Strathclyde en Glasgow onde hoxe resido. As miñas especialidades son a composición, a voz, a guitarra, o son, a grabación e a produción, creando o meu propio traballo en galego, castelán e inglés no meu pequeno estudio caseiro. Cada semana actúo en restaurantes en Escocia tocando unha mestura de versións en galego, castelán, portugués e inglés para gañarme a vida, así como en Galicia cando estou de visita. As miñas letras e músicas adoitan xurdir de maneira espontánea reflectindo coma un espello os meus pensamentos e sentimentos. Escribo dun xeito case abstracto, coma se pintara un cadro de moitas cores diferentes, porque acho que é mellor deixar voar a imaxinación dos oíntes para que eles mesmos obteñan as súas propias mensaxes. Posto que levo fóra todos estes anos, obviamente os temas que inflúen as letras das miñas cancións teñen connotacións vencelladas coa morriña, os meus achegados, o amor da miña namorada, as costas e fragas galegas, a nosa idiosincrasia, o ir e vir constante, o día a día e ese meigallo galego que fai que a nosa diáspora sexa única e siga acontecendo hoxe en día coa emigración desta nova xeración de galegos e galegas. Como coido que das mesturas adoitan saír cousas novas e interesantes, a miña música ten influencias do folk galego, portugués, iberoamericano, irlandés e anglosaxón, cun ton escuro vencellado á nosa cultura atlántica, co seu peculiar clima que nos fai devecer polo que hai alén do mar, da néboa e das estrelas.

 

0 Comments

Deixa unha resposta